O concello de Boiro acometerá a mellora da eficiencia enerxética no Centro Social de Cures

BOIRO> O concello de Boiro acometerá a reforma integral do centro social de Cures. A execución deste proxecto, cun orzamento de 142 mil euros, será posible grazas a unha subvención autonómica que achegará máis de 95 mil euros.

O concello de Boiro resultou beneficiario dunha subvención de concorrencia competitiva da Xunta de Galicia para acometer a mellora da eficiencia enerxética do centro social de Cures.

Ademais da mellora da envolvente térmica e o cambio da carpintería exterior actuarase tamén na cuberta e procederase á impermeabilización das fachadas.

O obxectivo do concello de Boiro con esta actuación é mellorar as condicións de confortabilidade dun centro moi utilizado pola veciñanza e que, a partir de agora, poderá acoller aínda máis servizos.