A marea vermella obriga a pechar dous polígonos na ría de Muros

MUROS> Pechados dous polígonos bateeiros na ría de Muros Noia ante a presenza de toxina. Os produtores agardan que a marea vermella remita antes de outubro, cando comeza a tempada forte de produción. Tras un ano atípico no que a toxina non fixo acto de presenza nin na primavera nin no verán, o Intecmar vén de decretar o peche de dous polígonos bateeiros na Ría de Muros Noia. A paralización da extracción en aproximadamente unhas setenta bateas non colleu por sorpresa ós produtores xa que as últimas mostraxes detectaban elevados niveis de toxina nas proximidades e as chuvias dos últimos días provocaron a súa entrada na ría. Malia que se estaba traballando moi be, coa extración dunhas vinte toneladas diarias, os bateeiros recoñecen que a época forte da produción comeza en outubro polo que agardan que a marea vermella remita proximamente. Nestes días de paralización, moitos produtores aproveitarán para realizar o desdobre das cordas ou labores de mantemento. A Ría de Arousa líbrase polo momento aínda que xa están a realizar controis exhaustivos para coñecer se a evolución da marea vermella acaba por afectarlle. Na de Pontevedra tan só permanece aberto un polígono en Portonovo.