Primeira sanción en Pontevedra polo incumprimento do estado de alarma

PONTEVEDRA> A pesar das normas establecidas polo Goberno no marco doestado de alarma, a Policía Local de Pontevedra xa impuxo a primeira denuncia por desprazamentos non imprescindibles. O feito produciuse onte na Avenida Augusto García Sánchez. Un home negouse a cumprir as restricións establecidas e reaccionou insultado aos axentes.

Co obxectivo de frear a propagación do Coronavirus, o Goberno central decretou esta fin de semana o estado de alarma. Unha medida que leva aparellada a limitación de circulación en todo o país. A meirande parte dos pontevedreses están a responder positivamente a esta restrición. Sen embargo, a Policía Local xa denunciou a unha primeira persoa que estaba a incumprir dita orde. Trátase dun home que paseaba onte pola avenida Augusto García Sánchez. Ante o aviso da Policía, este reaccionou insultado aos axentes e tirándolles o DNI ao chan.

A Illa do Covo foi outro dos puntos máis conflitivos nestes últimos días. A Policía Local tivo que desaloxar o lugar polas aglomeracións que se estaban a ocasionar.

Ante estes últimos sucesos, o goberno municipal chama á tranquilidade pero tamén á responsabilidade de todos os cidadáns e recorda que soamente quedándonos na casa conseguiremos frear esta crise sanitaria.

Cabe recordar que o incumprimento ou a resistencia ás autoridades competentes durante o Estado de Alarma, levará aparellado importantes sancións. As multas poden ir dende os 100 euros ata os 600.000 euros, ou incluso penas de cárcere de 3 meses ata 1 ano segundo a gravidade da infracción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí