PONTEVEDRA> Contra todo prognóstico pola crise da Covid, o Concello de Pontevedra non rexistrou ningún parón na actividade urbanística nos últimos meses. De feito, o goberno municipal recibiu unha solicitude para construír unha residencia de maiores na Parda e unha escola de danza en Estribela.
A actividade urbanística do Concello de Pontevedra non cesa a pesar da crise da Covid. De feito, nos últimos dous meses o goberno municipal rexistrou tres solicitudes de licenza de gran magnitude. Por unha banda, un edificio de cen vivendas en Eduardo Pondal. En segundo lugar, o Concello rexistrou tamén unha petición para a construción dunha residencia de maiores na Parda. Unhas instalacións que terían cabida para unhas 150 persoas.
O goberno municipal recibiu tamén unha petición en relación ao antigo edificio do Liceo Cultural de Estribela. O obxectivo desta solicitude é rehabilitar estas instalacións para convertelas nun centro superior de danza.
Outro indicador de que a actividade urbanística non cesa é o número de solicitudes que se presentaron no Concello de Pontevedra durante o primeiro semestre do ano. En total, máis de 400 comunicacións previas de obras, 72 solicitudes de licencias de obras menores e 23 de obras maiores. Entre estas últimas destaca, por exemplo, a creación de 9 vivendas na cidade.