Rianxo engade unha nova ruta ós seus atractivos turísticos

    RIANXO> Rianxo conta cunha nova ruta de sendeirismo de singular beleza. O itinerario, entre o lugar da Ermida e o Pico Muralla, foi acondicionado e sinalizado no marco dun programa de colaboración turística entre o concello, Arousa Norte e a Axencia Galega de Turismo. Algo máis de catorce quilómetros de incalculable beleza natural compoñen esta ruta circular dende a Ermida a Pico Muralla, o punto máis alto do municipio rianxeiro. A ruta xa está operativa tralos traballos de limpeza, acondicionamento e sinalización desenvolvidos nas últimas semanas. Neste percorrido atópanse puntos de gran atractivo como a fervenza de Pozo Bastón, os Muíños de Cubo ou as vistas dende o Pico Muralla. A intención do executivo rianxeiro é obter agora a homologación da ruta por parte da Federación Galega de Montañismo.