Decepcionante arranque da campaña de libre marisqueo en Arousa

    BARBANZA> Cúmprense así os peores dos pronósticos para este primeiro día de traballo nas concesións de Cabío, os Lombos do Ulla e o Bohído. Ó redor duns 1.300 mariscadores das distintas confrarías de toda a Ría dispoñen de autorización para poder traballar nas concesións do libre marisqueo en Arousa. Aínda así non todos optaron por facelo neste inicio de campaña. As previsións xeradas, despois das mostraxes realizadas nas últimas semanas non eran demasiado satisfactorias. Máis ben todo o contrario, augurando pouco marisco. E a tenor do vivido nesta primeira xornada non se enganaron, xa que a maioría dos mariscadores tiveron serias dificultades para acadar os topes establecidos, como acontecía en Cabío. A triste realidade de Cabío, non dista en moito da que se viviu tamén nas outras concesións do libre en Arousa como poden ser o Bohído ou os Lombos do Ulla. Dende a maioría dos pósitos arousáns incídese novamente na necesidade de acometer dunha vez por todas un cambio no modelo produtivo do libre marisqueo. Un exemplo desta reclamación témola no patrón maior pobrense. Segundo el, o actual modelo de xestión é un auténtico fracaso. Polo de agora aínda é cedo para valorar o que será a campaña deste ano, e haberá que agardar ás próximas semanas para ver o que dan de si as concesións no libre. No mellor dos casos, e sempre e cando a presenza do marisco o permita, a campaña debería prolongarse ata marzo. Algo que, visto o visto, parece pouco probable.