O claustro noiés acolle a mostra ‘Arquitectura nos conventos franciscanos’

    NOIA> A mostram que poderá visitarse ata finais de mes, está enmarcada nas actividades do VIII Centenario da Peregrinación a Santiago de San Francisco de Asís. O claustro do concello noiés acolle dende hoxe e ata o 30 deste mes de xullo unha exposición titulada ‘Arquitectura nos conventos franciscanos en Galicia’. Este proxecto enmárcase no conxunto de actividades desenvolvidas dende a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, para celebrar os oitocentos anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Pola súa banda, o alcalde Rafael García Guerrero, destacou a idoneidade de poder acoller no claustro do concello esta importante exposición, nunha vila cunha clara presenza franciscana. A exposición, de carácter itinerante e que percorrerá posteriormente outras vilas e cidades galegas, componse de catorce paneis, a través dos cales se pode estudar a tradición da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago como o xermolo da eclosión das casas franciscanas galegas, ó abeiro dun monumental conxunto de santuarios, mosteiros, catedrais e cidades históricas. A mostra pode verse polas mañás, de luns a venres, no horario de apertura do propio concello, e os sábados de dez a unha.