O peche da planta de Calvo en Esteiro semella irreversible

    MUROS> A decisión de pechar a planta de Calvo en Esteiro é irreversible. Así llo comunicou un directivo da empresa á alcaldesa de Muros nun encontro celebrado esta mañá no que tamén lle dou conta das negociacións co comité de empresa para habilitar axudas que faciliten o transporte ós traballadores afectados. Dende que a pasada semana o concello de Muros tivo coñecemento da intención do Grupo Calvo de pechar a planta de Esteiro, a alcaldesa iniciou os contactos tanto cos traballadores como coa dirección da empresa. A pesar dos intentos da administración por evitar o traslado, o peche semella definitivo tal e como lle confirmaba esta mañá un directivo á rexedora. A alternativa para os cen traballadores fixos e fixos discontinuos da planta de Esteiro é trasladarse diariamente a Carballo, factoría na que Calvo pretende centralizar a produción. O comité de empresa negocia coa dirección as posibles axudas ó transporte e as condicións Sen embargo, dende o concello entenden que este traslado resolve só unha pequena parte do problema posto que o peche da planta de Esteiro suporá a perda de numerosos traballos eventuais así como toda a actividade indirecta xerada pola factoría en toda a comarca. Por este motivo, a alcaldesa ten solicitado unha entrevista co Conselleiro de Industria e co presidente da Xunta na busca de medidas que permitan paliar os danos ocasionados polo peche da planta.