Os gandeiros reclaman axudas para afrontar as perdas derivadas dos incendios

    cabalosqueimados_100_170806.jpgBARBANZA > Os incendios forestais que durante a última semana viñeron asolando á comarca do Barbanza, trouxeron consigo importantes perdas, non só no número de hectáreas de monte queimado, senón tamén no número de gando mostrenco que resultou afectado polo lume. Quixemos coñecer de preto a situación que viven boa parte dos propietarios destes animais e subimos ó monte con eles e realizar un percorrido de varios quilómetros na busca dos seus exemplares. O panorama non puido ser máis desolador, cunha cifra próxima ó centenar de animais queimados.

    Iniciámo-lo percorrido na zona da Galla dos Forcados acompañando a Manuel Boo, presidente da Asociación de Gandeiros de Postmarcos. A situación é para eles moi semellante á que viven os resto dos gandeiros de Oleiros, Posmarcos, Ribasieira, Xuño, A Graña e Campodulla, que estes días percorren os montes da zona na procura dos seus animais, tanto gando vacún coma cabalar, dos que descoñecen o seu paradoiro.

    A escasos metros do punto de partida atopámonos co primeiro animal morto. Este ademais non será o último e non lonxe dalí van aparecendo máis e máis reses mortas.

    O presidente da Asociación de Gandeiros da Curota, Manuel Boo, explicou tamén que a situación está a ser moi preocupante xa que as reses que conseguiron escapar do lume están na actualidade completamente aturdidas e desesperadas por atopar algo de comer, xa que a maioría dos pastos están convertidos en cinza.

    Redacción Barbanza