Un incendio intencionado arrasa as cubertas das pallozas de San Roque

RIBEIRA> Completamente calcinadas. Así quedaron as cubertas das pallozas do parque de San Roque tras un incendio aparentemente provocado.

Preto das once da pasada noite, un particular daba a voz de alarma ó observar lume no parque periurbano. Ata o lugar desprazáronse unha patrulla da policía local e unha dotación dos bombeiros de Ribeira así como un axente forestal que desenvolveron un operativo para extinguir o lume. Investiron máis dunha hora en sufocar as lapas posto que foi preciso refrescar a contorna das pallozas para evitar que se puidese reactivar o incendio afectando a un dos enclaves naturais máis valiosos do municipio.

Todo indica que a orixe do lume responde a un acto vandálico que foi condenado pola corporación municipal que se atopaba en sesión plenaria cando aconteceron os feitos.

Á espera de esclarecer as causas do suceso permanece aberta unha investigación para dar cos autores dos feitos. Dous mozos que se atopaban na zona do aparcadoiro manifestaron ter visto a un home que lle tirou pedras ó seu vehículo. Ó ser sorprendido fuxiu cara o interior do parque, onde se atopaban as pallozas, e prendeulles lume.

Os axentes da policía iniciaron a busca desta persoa sen poder dar con ela polo que continúan as pescudas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí