Un incendio calcina parte da nave de Maxi China en Xarás

    RIBEIRA> A Policía Nacional investiga as posibles causas do lume que se orixinaba esta pasada madrugada e que deixaba cuantiosos danos. Ó redor das tres e vinte desta pasada madrugada producíase un aviso ó servizo de Emerxencias do 112 por un posible incendio na nave de Max China en Xarás. Ata o lugar desprazáronse efectivos dos parques de bombeiros de Ribeira e Boiro, que iniciaron os labores de extinción das lapas. Esta mañá unha dotación de retén dos bombeiros cun vehículo nodriza continuaba na zona, realizando labores de control e refrixerado, para que o lume non volvera a reactivarse. Ata a zona tamén se achegaron membros da policía científica da Policía Nacional, que se encarga da investigación, co fin de esclarecer as posibles causas do incendio. As primeiras hipóteses apuntan a que puidera ser intencionado.