Os colectivos feministas do Barbanza únense contra a desigualdade

RIBEIRA> As catro asociacións feministas da comarca fan un chamamento para que tódalas mulleres barbanzáns secunden a folga do próximo xoves. Ademais da xornada de paro, están a organizar actividades reivindicativas durante todo o mes. Mulleres en Acción, a asociación feminista Aquelarre, A Unión de Muchachas e Rabudas en Loita sumaron forzas para concorrer xuntas á folga feminista prevista para este xoves día 8. Unha folga laboral pero tamén de coidados nas que animan ás mulleres a sumarse ó paro sen asumir ningunha tarefa no fogar e colgando os mandís das fiestras para secundar esta xornada reivindicativa. Mulleres en Acción convoca ademais unha concentración para o propio xoves na praza do concello a partir das oito da tarde. Esta acción súmase á que os colectivos xa están a desenvolver durante semanas como o ciclo de cine feminista que acolle o centro cultural O Fervedoiro tódolos domingos ou o certame de murais feministas no que participarán os distintos institutos e centros educativos da comarca. A este respecto tamén está convocado un paro na educación por parte dos sindicatos estudantís.