A Xunta investirá uns sete millóns de euros nos pantaláns para mexilloeiros en Cabo de Cruz

    BOIRO> O alcalde, Xoán Xosé Dieste, confirmou a existencia dunha partida reservada de 1’7 millóns de euros nos presupostos autonómicos do ano que vén para iniciar xa a súa construción. Sen dúbida tratábase dunha das maiores demandas dos diferentes gobernos municipais que durante estes anos pasaron pola alcaldía boirense, que por unha ou outra razón nunca chegaba a executarse. Segundo o alcalde, Xoán Xosé Dieste, a actuación verase finalmente cumprida o ano que vén grazas á aportación do Goberno Autonómico. Nos presupostos de 2018 inclúese unha partida inicial de 1,7 de millóns dos preto de sete nos que está presupostado o proxecto. Dieste destacou a importancia desta obra, dado o peso do sector bateeiro na localidade, e a importancia das mesmas de cara á reordenación dos espazos portuarios. A actuación sumarase a outras importantes melloras xa realizadas, ou que están a piques de rematar, como é o caso da instalación dos pantaláns para as embarcacións marisqueiras no que se investiron uns setecentos mil euros ou obras de conservación e mantemento na explanada portuaria por valor de máis de 40 mil euros.