BOIRO > Así se recolle nas alegacións que o partido popular de Boiro vén de presentar ao proxecto de reparcelación previsto polo executivo local
{flowplayer}barbanza/alegacionsppbarrana.flv{/flowplayer}
BOIRO > O plan parcial de Barraña presenta erros nas medicións. Así se recolle nas alegacións que o partido popular de Boiro vén de presentar ao proxecto de reparcelación previsto polo executivo local. O voceiro do PP boirés, Xoán Xosé Dieste, sinala que o proxecto de reparcelación elaborado polo executivo local supón un custe de repercusión sobre o aproveitamento do terreno moi elevado.
Estudo de custes
Por esta razón solicítalle ó equipo de goberno que se replantee o actual plan parcial para que se reduzan sensiblemente os gastos de urbanización e se faga un novo estudo de custes.
Nas alegacións presentadas polo PP a este proxecto detectáronse ademais erros nas medicións realizadas ó non coincidir as contempladas no plan coas existentes nas escrituras e documentos de propiedade, nin coas medicións recollidas nos convenios urbanísticos subscritos para a construción de edificios rotacionais e para a apertura de novos viais.
Dende o PP boirés tamén se critica o feito de que o equipo de goberno non mantivo xuntanza algunha cos propietarios dos terreos afectados por este plan, tendo en conta que a superficie a intervir polo plan de reparcelación é maior que a contemplada no PXOM, polo que insta ó executivo a retrotrae-la tramitación actual do plan.
Compensacións aos propietarios
O voceiro popular de Boiro advirte tamén que o plan parcial non aclara cales son as compensacións ós propietarios pola ocupación de parcelas vía convenio, tendo en conta que moitos propietarios non recibiron as contraprestacións ás que se comprometeu o executivo local mediante convenios subscritos nos últimos anos.
En relación ás edificacións preexistentes dos veciños afectados, o PP boirés propón readapta-la ordenación urbanística para o mantemento da maioría das vivendas legais de carácter residencial que sexan compatibles co desenvolvemento urbanístico da zona, ben a través da incorporación dunha nova ordenanza residencial, ben a través dunha ordenación dos bloques que as faga compatibles coa adxudicación de parcelas na reparcelación.
Rotonda innecesaria
O PP demanda ademais que se replantee a ubicación da rotonda prevista en Praia Xardín de forma que se vexan liberadas de afectación todalas vivendas afectadas.
Para os populares a construción de dita rotonda nese lugar, é innecesaria porque non regulará correctamente o tráfico rodado tal e como está deseñado o sistema viario global do plan parcial.
Nas alegacións formuladas polo PP proponse ademais xuntar todolos servizos rotacionais e equipamentos sociais e deportivos concentrados nunha mesma zona.
Redacción Barbanza