Cambados inviste 135.000 euros en seguridade viaria

    CAMBADOS> Cambados destinaraá 135.000 euros do Plan Concellos a mellorar a seguridade viaria do concello, coa ampliación de camiños e a mellora da sinalización. Os datos ofreceunos esta mañá o edil de Obras, Xosé Ramón Abal, nun dos puntos conflitivos do concello no que veñen de actuar. Esta curva é unha zona crítica en canto ó numero de accidentes. Está en Corvillón, Cambados, e nos últimos meses producíronse aquí varios accidentes. Do máis grave, resultou ferido un motorista que aínda está pendente de saber se perde unha das súas pernas. Por iso, o concello de Cambados levou a cabo unha actuación urxente e provisional para mellorar a seguridade, cun investimento de 2.500 euros. É unha das actuacións que se levaron a cabo dentro dos orzamentos do plan concellos 2017 para mellorar a seguridade viaria. Dos máis de 500.000 euros do plan, uns 135.000 se dedicarán a este fin, mellorando a sinalización ou ampliando camiños. Como xa se está a facer noutros puntos do concello. Tamén se ampliarán as beirarrúas do entorno da igrexa parroquial de Cambados. En canto a esta actuación urxente do Corvillón hai que dicir que é provisional, e desde o concello farán xestións con Augas de Galicia para que a entidade poña unha solución definitiva para a seguridade desta zona.