A ILLA> Como adiantábamos ao inicio das novas, as praias das rías baixas recibiron esta fin de semana unha gran afluencia de visitantes. A chegada da nova normalidade, acompañada dunhas temperaturas superiores aos 30 graos, favoreceu a que os areais da contorna lucisen cheos. En liñas xerais, as medidas de distanciamento social respectáronse en todos os concellos.
Aínda que en Galicia entramos na nova normalidade o pasado 15 de xuño, a meirande parte do país superou a última fase da desescalada a pasada semana. A nova situación chegou acompañada dunhas altas temperaturas, o que que favoreceu que as praias das Rías Baixas rozasen a súa nova capacidade nesta fin de semana. As praias de Sanxenxo, a Illa e o Grove foron das máis demandadas do Salnés, pero tamén luciron un bo estado as de Vilanova e Vilagarcía.
A pesar da gran afluencia de veraneantes nos areais, os visitantes respectaron as medidas de prevención.
A nova normalidade e as altas temperaturas tamén tiveron a súa repercusión positiva nos establecementos hostaleiros e hoteleiros. A pesar diso, dende os concellos son cautos á hora de facer unha previsión sobre o turismo. Do que non hai dúbida é que os visitantes deberán cumprir as medidas que sanidade estime oportunas en cada momento.
Para velar por estas medidas de prevención, os concellos xa tomaron diferentes medidas. En Sanxenxo, a praia de Silgar está divida en zonas e o resto de areais son vixiados por drones. Outros municipios como o da Illa están tramitando unha axuda da Xunta para poder reforzar os seus corpos de policía local con máis efectivos.