O executivo boirense proxecta a ‘ansiada’ rehabilitación do pazo de Goiáns

    BOIRO> Este venres celebrarase unha sesión plenaria con carácter extraordinario en cuxa orde do día figura a aprobación da solicitude de acceso ó Fondo de Cooperación que permitirá ó Concello poder beneficiarse dunha liña de axudas do IGVS para acometer a restauración do edificio. Sen dúbida trátase dun dos emblemas de Boiro. O pazo de Goiáns constitúe un dos espazos de maior valor histórico e cultural, declarado Ben de Interese Cultural dende o ano 2015. Aínda así nos últimos anos a edificación veu sufrindo un avanzado estado de deterioro que fai necesaria unha actuación urxente de conservación e rehabilitación. Neste sentido o executivo local xa ten realizado un proxecto, valorado en algo máis dun millón de euros, que prevé desenvolver en breve e que permitirá poder poñelo en condicións de uso. En definitiva un cambio de enfoque con respecto ó proxecto anterior deseñado por anteriores gobernos municipais. Para poder levalo a cabo, o Concello pretende acollerse a unha nova liña de axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cuxa solicitude será levada ó pleno extraordinario deste venres. Trátase en definitiva de poñer en valor un espazo para que sexa accesible a veciños e visitantes, converténdoo nun polo de atracción turística que se completará tamén con outras actuacións previstas para a zona do estuario do río Coroño.