Preséntase en Santiago a Fundación RIA de David Chipperfield

    SANTIAGO> O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou a última hora da tarde de onte en Santiago na presentación da Fundación RIA – Rede de Innovación Arousa, que promove o arquitecto británico David Chipperfield. No acto o titular do Goberno Autonómico avogou por unha ordenación do territorio responsable, que conxugue a protección da contorna co crecemento económico. Representantes de distintos ámbitos, ben sexa a política e o mundo empresarial, ou mesmo o académico, déronse cita en Santiago na posta de longo da Fundación Ría-Rede de Innovación Arousa, unha iniciativa promovida polo arquitecto David Chipperfield. No acto tomou parte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen valorou as ideas e propostas clave desta fundación. Segundo el a riqueza natural, lonxe de ser un obstáculo para progresar, é un alicerce esencial do desenvolvemento sustentable, poñendo de relevo a necesidade do traballo conxunto entre as administracións de cara ó mantemento da calidade da auga e a protección da biodiversidade. O responsable do Goberno Galego asegurou tamén que o respecto á contorna natural é tamén un dos piares sobre os que se ten que asentar o desenvolvemento turístico, que non comprometa nin erosione o modo de vida, senón que o poña en valor.