CAMBADOS> Pasado mañá é o Día de Todos os Santos, e as florerías afrontan a época de máis venda de todo o ano. En Cambados, parte da oferta concéntrase no Salón José Peña. Alí, 25 floristas de toda a comarca venden as flores que cultivan elas mesmas, ben soltas, ben xa en centros para adornar os camposantos ou para agasallar a familiares xa falecidos. Por terceiro ano consecutivo, o Salón José Peña convértese nesta época do ano nun mercado do máis colorido. A nave acolle o Mercado das Flores de Cambados, unha cita que reúne a 25 floristas que venden as flores que elas mesmas cultivan. Flores soltas ou centros xa feitos. No mercado hai opcións para todos os gustos. Tamén unha ampla variedade de diferentes especies. No que hai pouca variedade, é no destino que terán estas flores. A maioría dos compradores aproveitan a oportunidade para mercar o que despois levarán aos cemiterios polo Día de Todos os Santos. Dende o concello cambadés están satisfeitos coa acollida do Mercado, que hoxe e mañá ten os seus días de máis afluenza. Destacan, ademais, o importante cambio que se deu ao trasladar aos vendedores ata o Salón José Peña. E é que o Mercado das Flores de Cambados xa está consolidado como unha oportunidade para mercar o mellor para agasallar aos que xa non están.
Inicio Salnés - Caldas








