BOIRO> O Igape, en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e coa Federación de Empresarios do Barbanza, organizouun encontro de traballo con empresarios da zona co obxectivo de facilitarlles información directa sobre os instrumentos que a entidade adscrita á Consellería de Economía e Industria pon ao seu dispor para impulsar a saída de produtos ou servizos galegos cara mercados exteriores. No encontro, no que participou a secretaria xeral do Igape, Covadonga Toca, presentaronse ademais as liñas xerais da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais e coa que se aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020. Entre os instrumentos recollidos na Estratexia de Internacionalización do tecido empresarial galego destacan iniciativas como a xanela única para facilitar o acceso das empresas aos servizos e os apoios que precisen segundo a fase concreta de internacionalización na que se atopen. Como vía para sacar o máximo partido dos recursos dispoñibles, destacouse a necesidade de optimizar a coordinación de esforzos con todas as organizacións de carácter empresarial que operan en Galicia no ámbito da internacionalización. Nesa liña, a Xunta aposta pola cooperación entre empresas mediante proxectos colectivos como os consorcios de exportación ou as iniciativas apoiadas no marco de programas como o Primex. No encontro celebrado en Boiro participaron representantes das empresas A Poutada, Confecciones Hortensia ou Gaínza Consulting, entre outras. Participou igualmente o vicesecretario da Federación de Empresarios do Barbanza, Javier González.
Inicio Barbanza - Muros - Noia