Multitudinaria homenaxe céltica á Rianxeira

    RIANXO > Unha delegación de xogadores e técnicos do Real Club Celta de Vigo, xunto a unha representación do seu Consello de Administración, desprazáronse a Rianxo para realizar unha visita institucional a este concello ó que o celtismo se sinte moi ligado a través da popular ‘Rianxeira’. Os actos, que se iniciaron na casa consistorial, tiveron a súa culminación na ofrenda floral da expedición celtista ante a Virxe da Guadalupe.

    celta2_200240506.jpgOs xogadores e membros do corpo técnico iniciaron a súa visita a Rianxo asinando autógrafos ás portas da casa consistorial, na Praza Castelao, ante o numeroso público existente, fundamentalmente nenos, expectantes e soprendidos ante a proximidade coa que tiñan ós seus ídolos. De seguro que non quedou ninguén en Rianxo sen autógrafo, xa que os xogadores se amosaron en todo momento moi receptivos as solicitudes dos afeccionados.

    Os actos iniciáronse na casa consistorial, no salón de plenos, alí os Borja Oubiña, Giovanella, Ángel, Canobbio, Baiano e Pinto, así como o adestrador Fernando Vázquez, foron recibidos pola corporación municipal.

    Durante a súa intervención o alcalde, Pedro Piñeiro, especialmente radiante pola visita de tan ilustres personaxes, doulle a benvida á comitiva celtista.

    En representación do presidente, Carlos Mouriño, que non puido asistir ó acto, tomou a palabra, un representante do Consello de Administración do Real Club Celta, Fernando Mosquera, destacando o vínculo de unión existente con este municipio a través da ‘Rianxeira’.

    Rematou o acto no concello cun intercambio de agasallos, o alcalde rianxeiro fíxolle entrega á delegación viguesa dunha escultura réplica da Rianxeira e convidounos a asinar no libro de honra do concello, mentres que por parte do Celta entregóuselle ó concello unha camiseta asinada por tódolos xogadores, así como unha metopa.celta1_200_240506.jpg

    Os actos continuaron en Rianxo cunha ofrenda na capela da Virxe da Guadalupe, en sinal de agradecemento polos éxitos acadados polo Celta na presente temporada e a consecución dunha praza para disputar o ano que vén a copa da UEFA.

    Como non podía ser doutro xeito os actos non podían rematar sen canta-la tradicional ‘Rianxeira’, e así xogadores, corpo técnico, directivos e mesmo o alcalde, lanzáronse a cantar este himno que ano tras ano se está a converter nun habitual en Balaídos, axudados pola ‘Ruada Rianxeira’.

    A xornada rematou finalmente cun viño de honra no Restaurante-Bar Ela para tódolos afeccionados e unha cea no Restaurante Feliciano, sede da propia Peña Celtista de Rianxo, que preside Paulino Longo.

    A experiencia semella que volverá a repetirse en anos vindeiros, todo dependerá en boa medida dos éxitos que acade o Real Club Celta.

    Redacción Barbanza