O gran beneficiario dos orzamentos do 2018 será o rural pontevedrés

Pontevedra> O Goberno Local de Pontevedra presentou esta mañá o borrador dos orzamentos aos grupos da oposición. Raimundo González agarda poder aprobar estas contan na primeira quincena do mes de decembro. Unhas cifras, que o voceiro do Goberno Local, cualificou como os orzamentos do rural, xa que o rural recibe o 50 por cento dos investimentos no vindeiro ano. 73 millóns e medio de euros, esa é a cifra que o concello presentou esta mañá do borrador dos orzamentos para o 2018. Unhas contas que lles foron entregadas aos grupos da oposición. Dende o Concello agardan ter reunións ao longo da vindeira semana e poder aprobar estas contas en tempo e forma no mes de decembro. Para iso é necesario o apoio ou abstención do grupo da marea, e para isto este borrador xa inclúe 425 mil euros destinados á renda social, 150 ao transporte metropolitano e máis de 490 mil euros destinados a un plan de emprego. O capítulo de investimentos conta con 11,5 millóns de euros, as partidas máis salientables van aos centros culturais, a accesibilidade no rural, a edificios e outras contrución, a composteiros, a accesibilidade urbana e á construción dun campo de fútbol. Segundo Raimundo González o gran beneficiario destes orzamentos será o rural de Pontevedra. En relación a posibles acordos, González agarda que a marea apoie estes investimentos que reflicten e inclúen algunhas das súas demandas, de todos os xeitos insistiu en que será a vindeira semana cando comecen a ronda de reunións cos grupos da oposición. Dende o Goberno Local agardan poder levar estes orzamentos ao pleno na primeira quincena de decembro co fin de deixar os deberes feitos antes do remate deste ano.