O BNG pide a retirada das especies invasoras na praia do Castro

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira presentou unha moción solicitando a retirada das especies invasoras na praia do Castro, en Castiñeiras. Trátase dun ecosistema de gran valor pola súa biodiversidade, onde aniña a píllara papuda. A presenza de especies alóctonas vai en aumento no sistema dunar da praia do Castro en Castiñeiras. Chama a atención a proliferación de plantas invarosas como a unlla de gato ou o plumacho da pampa nunha contorna especialmente sensible onde aniña unha especie protexida como a píllara papuda. Os nacionalistas instan á concellería de Medio Ambiente a promover a retirada destas especies favorencendo ademais a implicación da cidadanía a través de campañas de sensibilización e actividades de voluntariado. Dende o BNG critican que se leven a cabo estas accións tan só na illa de Sálvora e no parque natural de Corrubedo polo que piden que se estendan ó resto do termo municipal.