A carpintería de ribeira avanza cara a declaración de BIC

    RIANXO> A Conselleira do Mar participou no acto de clausura da xornada de construción naval en madeira celebrada en Rianxo. A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI) celebrou en Rianxo a décima xornada sobre construción naval. Neste encontro, que busca reivindicar o papel estratéxico deste sector non só como patrimonio cultural senón polo seu valor como actividade económica, participaron destacados expertos na materia. Analizáronse aspectos tan variados como a necesidade de protección deste ben inmaterial a flotabilidade dos barcos de madeira ou a necesidade dunha normativa eficiente e actualizada para esta flota de cara á consecución dun selo de calidade. A Conselleira do Mar participou no acto de clausura durante o cal ratificou o compromiso do seu departamento coa carpintería de ribeira, como modelo de crecemento económico sustentable. Na actualidade, a carpintería de ribeira e as súas técnicas están en proceso para a declaración de ben de interese cultural. Trataríase do primeiro ben inmaterial en conseguir esta distinción.