Un grupo de mariscadoras enfróntase á Confraría de Carril

    VILAGARCÍA> Volven os conflitos á Confraría de Carril. Un grupo de mariscadoras denuncian que o pósito retiroulles da lonxa o marisco que recolleran en zona aberta. Unha situación que se produciu tanto onte como esta mañá. As afectadas non desbotan recorrer ao xulgado para reclamar os cartos perdidos. Unha vintena de mariscadoras de Carril enfróntanse á Confraría. Os problemas comezaron onte cando, segundo denunciaron as mulleres, o pósito retirou da venda na lonxa a produción de tres delas. O enfrontamento rematou coa intervención da Policía Nacional e os Gardacostas, que levantaron acta de denuncia. Lonxe de pór fin ao problema, o venres repetíase a situación. Dende a Confraría alegaron que o marisco fora recollido fóra das zonas de explotación prefixadas e cun cupo diferente ao acordado. As afectadas, que na segunda xornada foron ao redor de vinte, defenden unha resolución que indica que toda a praia está aberta ao marisqueo. Tras presentar unha nova denuncia, as afectadas acoderán ao Xulgado para reclamar os cartos perdidos das súas xornadas laborais. Ademais, apuntan aos conflitos internos da Confraría como a causa desta situación.