Falece a nena de tres anos que quedara ferida no accidente de Vilanova

VILANOVA> Confirmouse o peor dos prognósticos. Morreu a nena de tres anos que resultara ferida grave onte no accidente de Vilanova. O seu falecemento confirmábase onte á noite. A vítima, veciña de Vilanova, fora trasladada en helicóptero ó Hospital Clínico de Santiago. A pequena viaxaba cos sistemas de seguridade obrigatorios pero quedara en coma despois de que a súa cabeza batese contra unha táblet ao impactar o vehículo no que viaxaba coa súa nai contra un autobús escolar.

O sinistro produciuse pasadas as nove da mañá de onte, en Deiro, preto da saída da ponte da Illa, en dirección a Cambados. A orixe do sinistro está noutro accidente previo: unha colisión entre dous turismos sen maiores consecuencias. Seica cando viu ese sinistro, o chofer do bus reduciu a súa velocidade ata case deterse por completo.

Segundo explicou a nai da pequena falecida, non foi quen de reduci-la velocidade e que, ademais, o sol deslumbrouna e non foi quen de reaccionar antes de esnafrarse contra o autobús. A muller, de 26 anos, xunto cun dos escolares que viaxaban no autocar tamén resultaron feridos. Ambos foron trasladados ao Hospital do Salnés. O seu estado non reviste gravidade.