Fernando Meis tomará posesión da acta de Miguel Ángel Pérez no PP

    O GROVE> O Partido Popular de O Grove valorou esta mañá a dimisión do seu aínda voceiro na corporación, Miguel Ángel Pérez. A formación agradeceu o traballo do edil, que foi alcalde da vila durante 12 anos, e reivindicou o seu papel á fronte do concello e do partido. Tamén confirmaron que será Fernando Meis, que xa fora concelleiro na corporación, o seu substituto, aínda que non está decidido quen se encargará da portavocía do grupo. Con palabras de aprezo e respecto, o Partido Popular de O Grove despediu ao seu aínda voceiro, Miguel Ángel Pérez, despois de que onte se coñecera a súa decisión de renunciar á súa acta. Os populares destacaron as actuacións máis importantes que levou adiante Pérez como rexedor meco, e agradecéronlle a súa dedicación e apoio. En rolda de prensa, tamén confirmaron que será Fernando Meis, o seguinte na lista, quen ocupe o seu posto na corporación. Esta responsabilidade será a volta de Meis á política, tras un retiro despois de 14 anos nos que formou parte tanto do goberno como da oposición. O que aínda non teñen decidido os populares é quen substituirá a Miguel Ángel Pérez como voceiro do grupo municipal na corporación. Unha decisión que virá precedida dun debate interno para escoller á persoa máis axeitada para este labor.