Os vieireiros de Cambados asumen o preceso de evisceración das súas capturas

CAMBADOS> O arranque da campaña da vieira en Cambados trouxo novidades importantes á confraría de San Antonio: dende agora será o propio pósito o que se encargue da evisceración do bivalvo. Deste xeito, os vieireiros reducen os seus custos de produción…

Nesta nave multiusos do porto de Tragove lévase a cabo dende agora o proceso de evisceración e depuración da vieira. As instalacións foron postas a punto para ese proceso a través dunha axuda do Grupo de Acción Local Pesqueira da ría de Arousa, que asumiu o 80% do investimento.

Ata o de agora, a posta a punto do bivalvo levábase a cabo nas instalacións da empresa Porto de Cambados, pero os mariñeiros decidiron asumi-la evisceración para reduci-los custos de produción. E iso xa se nota nos prezos. Nesta  campaña estimouse un prezo por quilo de 5 euros e medio, ou o que é o mesmo 75 céntimos máis por quilo que no mesmo período do ano pasado.

Da depuración, evisceración e almacenaxe vanse encargar unhas trinta persoas. Unha vez que a vieira entra no porto, o proceso de posta a punto do produto dura unhas 24 horas. Con todo, dende a confraría de pescadores agardan axilizar paseniñamente o proceso, permitindo simplificalo en breve de 24 a 18 horas.