A Xunta destina un millón de euros para axudas sociais a mulleres

GALICIA> O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as axudas e subvencións a entidades sociais para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes. A convocatoria está destinada a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. O seu orzamento é de preto dun millón de euros, cofinanciados ao 80 por cento polo Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. A diferenza dos anos anteriores, na convocatoria 2014 establécense dúas liñas de axudas. Unha destinada a programas de recursos integrais para mulleres e programas de mantemento de centros; e unha segunda destinada a programas de investimento. Esta última liña é a innovadora e por primeira vez será cofinanciada co FEDER. A primeira liña poderá financiar os gastos correntes e de persoal e/ou para o fomento da contratación de profesionais da acción social, como educadores/as, traballadoras/es sociais, técnicas/os en integración social ou axentes de igualdade. Serán subvencionables os programas de mantemento de centros de atención especializada a mulleres e recursos integrais para mulleres xestantes ou lactantes con fillos menores de tres anos; mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social, vítimas de violencia de xénero e mulleres en situación de especial protección, como anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas. A subvención máxima será de ata 35.000 euros. Pola súa banda, a segunda liña de axudas poderá financiar os gastos que precisen realizar para investimento en equipamento informático ou obras de mellora ou acondicionamento da súa sede ou locais de traballo. A subvención máxima que se poderá recibir para tal fin será de ata 20.000 euros. Como última novidade, nesta convocatoria as dúas liñas de axudas son compatibles con outras axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional doutras administracións, algo que ata o momento non se daba.