Novos traballos de mellora no IES Torrente Ballester

Pontevedra> O Delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou esta mañá o Instituto Torrente Ballester, o motivo, anunciar uns traballos que realizarán neste cento co fin de mellorar o sistema de augas do centro. Uns traballos que se levarán a cabo durante a época estival e que traerán consigo o asfaltado da zona de acceso ao instituto e a zona de aparcadoiro.

A Xunta de Galicia acometerá novos traballos de mellora no Instituto Torrente Ballester. Trátase da separación das augas pluviais e fecais co fin de evitar verteduras á rede de sumidoiros municipal. O fin destes traballos é o de mellorar o sistema de augas residuais do instituto e tamén o de mellorar a zona de acceso ao centro, que será asfaltada.

Estes traballos acometeranse nos meses do verán co fin de afectar o menos posible ao desenvolvemento do curso escolar. Unhas obras que contarán cun investimento de 28 mil euros e que se desenvolverán nun periodo comprendido entre 20 ou 25 días. Dende o instituto agradeceron que dende a Xunta de Galicia acometan estes traballos.

Con estas obras a Xunta de Galicia continúa así cun plan integral de mellora e renovación en distintos centros educativos da provincia de Pontevedra. Máis de 2 millóns de euros foron adxudicados nos últimos días para a posta en marcha de diversos proxectos en centro de Primaria e Secundaria. Segundo especificou Pérez Ares, o xefe territorial de Educación, os proxectos de eficiencia enerxética nos centros educativos serán claves para o Goberno Galego nesta lexislatura.