Comerciantes das rúas peonalizadas piden que se restableza o acceso rodado

RIBEIRA> Os comerciantes afectados pola peonalización do centro de Ribeira mantiveron esta mañá un encontro con responsables do concello. Demandan que se permita a circulación a vinte por hora para evitar a perda de clientes. Denuncian que nestes tres meses teñen rexistrado unha caída das vendas dun trinta por cento. Os comerciantes e veciños contrarios á peonalización non se oponen á humanización do casco urbano. Apoian que nas rúas de Galicia, Cristóbal Colón e Rosalía de Castro teñan preferencia os peóns, sempre e cando se permita a circulación rodada limitada a vinte ou trinta quilómetros por hora. Esta foi a proposta que este mediodía lle trasladaron ó alcalde de Ribeira para tentar paliar as perdas que están a rexistrar os seus negocios dende que se limitara o acceso de vehículos. Á espera de achegar posturas e obter unha resposta satisfactoria por parte da administración, os afectados non descartan a toma de medida de presións como o inicio de mobilizacións. Semella que non será necesario posto que o alcalde comprometeuse a estudar estas demandas así como a dar máis facilidades a residentes e comerciantes para regular a circulación mediante os lectores de matrículas.