CATOIRA > Arranca a Romaría Vikinga. Onte á noite estreouse ‘A dor da vinganza’ no recinto das Torres de Oeste.
O guión é de David Ferreira, que se encarga ademais de dirixir a un elenco de 120 actores. Como sempre, son sobre todo veciños de Catoira e dos arredores os que dan vida ás personaxes da obra Vikinga. Nesta ocasión remóntanse ós tempos do bispo Xelmírez.
Os protagonistas son os señores Galiel e Adalia, que pasarán moitos apuros tralo asalto dos homes do norte ás costas de Catoira, chave para acceder a Compostela. Os vikingos atoparanse cos veciños que defenderán a súa terra para evitar que os invasores atravesen Cato de Iria. O amor, o odio e a vinganza son as claves desta historia que se repetirá cada noite, ata o venres, ás dez e media.
Obras coma esta levan máis de 15 anos representándose en Catoira. É o preludio do día grande, o do desembarco, que se celebra o domingo a partir da unha do mediodía. Nesta 48 edición, a escuadra vikinga que desembarque nas Torres de Oeste contará co drakkar Frederikssund.
Redacción Salnés