O I Portosín Trail reunirá a máis dun cento de corredores

PORTO DO SON> O concello de Porto do Son decidiu apostar por esta modalidade deportiva coa celebración do primeiro Portosín trail que terá lugar o sábado 19 a partir das cinco e media da tarde. A organización da proba correrá a cargo da asociación Arousa Natureza e Ocio e a colaboración de diversas asociacións do municipio. O percorrido, de 14,5 quilómetros, presenta un desnivel positivo de máis de setecentos metros nun só cumio .Como novidade, neste trail incorporarase unha nova categoría; máster para homes de entre trinta e cinco e cincuenta anos e mulleres de entre trinta e corenta e cinco. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas categorías individuais masculinas e femininas e tamén por equipos. Os interesados xa poden inscribirse nas oficinas do concello ou a través das webs de arousa.com, galitiming ou na propia páxina do concello do Son. O prezo é de oito euros.