O concello solicita a ENCE que tramite os informes necesarios para as obras da fábrica

Pontevedra>  O Concello de Pontevedra ven de realizar unha inspección na fábrica de ENCE en relación a unha denuncia,  presentada por un veciño, pola realización de obras ilegais. Ademais a tenente de alcalde, Carme da Silva, tamén dixo que dende o Goberno Local presentará alegacións ó expediente de renovación da autorización ambiental integrada para a fábrica de ENCE en Lourizán.

O Concello remitirá á Xunta un informe técnico no que reitera a súa oposición a renovación da autorización ambiental integrada para a factoría de ENCE. O documento recolle tres argumentos principais. Por unha banda, aseguran que a continuidade das instalacións de Lourizán incumpren a normativa de ordenación do territorio en vigor. Ademais, Da Silva lembra que non se están a cumprir cos parámetros esixidos na depuración de augas residuais ó conectarse a un emisario submarino sen autorización. Por último, cuestiónase a conexión para o consumo de auga, dende a que se desvía unha parte cara a fábrica de Elnosa, sen permiso para facelo.

A concelleira aproveitou a súa comparecencia para informar de que o Concello ven de realizar unha inspección na fábrica de ENCE en relación a unha denuncia presentada pola realización de obras ilegais.

Comprobado que é certo que se está a proceder á renovación dunhas caldeiras e á modificación dunha cuberta sen as correspondentes licencias municipais, procedeuse á redacción dun informe técnico.

A empresa terá un prazo de dez días para presentar alegacións ó informe municipal e tramitar a licencia correspondente. De non normalizar a situación, procederíase á paralización das obras.