15 concellos do PSOE agardan pola súa primeira xuntanza co presidente da Deputación de Ponteveda

PONTEVEDRA> Alcaldes socialistas da provincia de Pontevedra denuncian que o novo presidente provincial non os recibe na Deputación. Son ata 15 alcaldes que soliciron a Luis López unha xuntanza. Din que esta é unha mostra máis da deslealdade institucional do PP á fronte da Deputación. Outro exemplo, explican, é cando o presidente ou os deputados fan visitas os concellos que non son do PP e non avisan ou convidan aos alcaldes.

Unha tras outra, din os socialistas, sucéndense as mostras de deslealdade institucional do PP na Deputación de Pontevedra. Segundo denuncian, ata 15 alcaldes e alcaldesas do PSOE que pediron unha reunión seguen sen ser recibidos polo presidente da Deputación, case un ano despois de chegar ao poder.

Entre os concellos que agardan por esa primeira xuntanza co novo presidente estaría o de Meis. Ata aquí xa se achegou Luis López, pero para asinar un convenio herdado do anterior goberno provincial. Nese sentido, en relación coas visitas do novo executivo provincial aos municipios do PSOE, denuncian que tampouco son convidados a asistir. Un exemplo, aconteceu a semana pasada, tamén en Meis, cando López e o presidente da Xunta visitaron a canceira provincial da Armenteira. Ninguén convidou ao concello.

Ao mesmo tempo aproveitan para cargar contra a falta de iniciativa dun goberno provincial que consideran paralizado, como por exemplo no caso do mantemento e renovación da rede de estradas provincial. Un asunto que levarán ao Pleno deste venres, a través dunha moción. Presentarán tamén outra sobre as estradas de titularidade autonómica, unha rede que -din- está contaminada de intereses partidistas do PP.

Por outra banda, tamén cualifican de ‘escándalo’ o + Convivencia, o programa do anterior goberno “En Ruta coa Depo”, no que se investía medio millón de euros. Agora denuncian que o orzamento se recortou a máis da metade e que aínda por riba a Deputación descarga nas asociacións da provincia toda a tramitación do programa.