‘Pontevedra Corre por Guinea’: a campaña que recolle deportivas de segunda man para fomentar a escolarización

PONTEVEDRA> Fomentar a escolarización a través do deporte. É o obxectivo que persegue ‘Pontevedra corre por Guinea’, unha iniciativa impulsada por Álvaro Rodiño, un amante do atletismo da cidade. A súa proposta: recoller calzado deportivo usado para envialo a unha escola rural de Guinea Bissau, facilitando a práctica deportiva a máis de 800 rapaces. A campaña está aberta ata o 5 de febreiro pero xa é un éxito. Xa supera o medio cento de pares de zapatillas.

Máis de 4.000 quilómetros separan Pontevedra de Gambasse, un poboado de Guinea Bissau. Pero o pontevedrés Álvaro Rodiño propúxose acurtar esta distancia a través do deporte.

Foi a orixe de ‘Pontevedra corre por Guinea’. Unha iniciativa que recolle calzado de deporte usado para envialo a unha escola rural de Gambasse con máis de 800 alumnos. Alí a rapazada corre descalza nunha pista de atletismo que no 2018 construíu a ONG Silo Gambasse.

Así favorécese a práctica deportiva pero tamén a escolarización, nun país no que só o 60% dos nenos e o 40% das nenas van a clase. O atletismo funciona como un reclamo para atraer a rapazada ás aulas.

En menos dunha semana, ‘Pontevedra corre por Guinea’ supera o medio cento de pares de zapatillas recollidas. E aínda teñen de prazo ata o 5 de febreiro. O calzado viaxará entón cara Barcelona. Dende alí, a ONG Silo Gambasse encargarase do seu traslado ao país africano.

Esta é a primeira edición pero todo apunta a que a campaña naceu para quedar. De feito, en próximos anos os seus organizadores xa pensan en como facela medrar.

Recorden: a recollida estará activa ata o 5 de febreiro. Poden deixar as zapatillas nas cafeterías Dulce de Leche das rúas Marqués de Riestra, Peregrina, Raíña Vitoria e Fernández Ladreda ou una tenda Miller Running Vintage, de Peregrina. O seu calzado deportivo terá unha segunda vida en Guinea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí