Pontevedra aproba a nova ordenanza de mobilidade a pesar das críticas recibidas

PONTEVEDRA> O Teatro Principal de Pontevedra acolleu hoxe o pleno ordinario de setembro. Un dos puntos máis importantes da sesión plenaria foi a aprobación da nova ordenanza de mobilidade. A pesar das críticas que espertou este documento entre diferentes entidades locais, finalmente a normativa foi aceptada e só recibiu os votos en contra dos concelleiros do PP.

Aprobada a nova ordenanza de mobilidade. Un documento que plasma todas as medidas adoptadas no Concello de Pontevedra nos últimos anos. Por exemplo, nesta normativa establécese unha velocidade máxima de 30 quilómetros hora en todo o municipio. Un límite que se reduce ata 10 quilómetros hora nas zonas de plataforma única. Ademais, a nova ordenanza reforza o carácter peonil de toda a cidade.

Aínda que para o goberno municipal esta nova ordenanza non fai máis que reflectir o modelo urbano de Pontevedra, o certo é que este documento espertou nos últimos meses o malestar de moitos colectivos da cidade. Unhas críticas que foron trasladadas hoxe ao Pleno polo PP.

Os populares pediron ao goberno local que retirase a aprobación desta ordenanza do Pleno e que se sentase a falar cos colectivos da cidade para elaborar un novo documento. Aínda así, a nova ordenanza foi aprobada cos votos do BNG, do PSOE e do edil non adscrito, Goyo Revenga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí