PORTAS> Portas quece motores para a súa Clásica do Albariño Viña Almirante. A cita celebrará o vindeiro 10 de xuño a súa terceira edición, confirmándose como unha carreira consolidada no calendario deportivo galego. Tamén será unha xornada en Portas, mesturando a promoción do concello coa do sector vitivinícola.
A Clásica do Albariño Viña Almirante volverá percorrer os viñedos de Portas. A cita quece motores para a súa terceira edición o vindeiro 10 de xuño, que levará os corredores por un circuíto de dez quilómetros por diferentes enclaves do concello.
Tras escoitar os corredores, a organización optou por un percorrido máis rápido, para favorecer a competición. Algo que non evita treitos esixentes incluso para os máis profesionais.
Con dúas exitosas edicións ás súas costas, a cita xa está consolidada no calendario deportivo galego. O ano pasado a Clásica do Albariño congregou a 250 corredores, con nomes propios como Lolo Penas, Alejandro Fernández, Rocío Alvite, Edimar Breu ou Sandra Mosquera.
Como nos anos anteriores, os premios serán xenerosos. Na categoría absoluta, os tres primeiros clasificados recibirán un galardón en metálico. Ademais, haberá trofeos para os gañadores das demais categorías, coa entrega dun magnum de Viña Almirante ata o quinto clasificado. As inscricións estarán abertas ata o 6 de xuño na web emesport.com