O waterpolo praia volve a Silgar esta fin de semana

waterpolo250_200709.jpgPONTEVEDRA> O deputado de deportes, José Enrique Sotelo, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes do Club de Waterpolo de Pontevedra, encargado de organizar o II Torneo Internacional de Waterpolo Praia Sanxenxo. Será a segunda edición deste encontro deportivo que se disputará na praia de Silgar os días 25 e 26, a vindeira fin de semana.

Tralo éxito acadado na edición anterior, este ano espérase superar tódalas expectativas en canto a público e asistentes, noII Torneo Internacional Wateropolo Praia Sanxenxo. Polo de agora xa se sabe que os equipos participantes serán 35, 14 máis que en 2008 e as previsións apuntan a que os asistentes pasarán dos 7.000 que se rexistraron o ano pasado ós 10.000.

Os deportistas participantes, uns 400, proceden de toda a xeografía española. Catorce equipos madrileños, dez galegos, así como representantes do País Vasco, Andalucía, Cataluña ou Portugal.

Cada un dos partidos estará dividido en dúas partes de dez minutos cada unha. Como novidade este ano instalaranse dúas pistas, polo que será posible xogar simultaneamente dous partidos; deste xeito cada 30 minutos darán comezo dous enfrontamentos.

Será o vindeiro fin de semana, dende o sábado ás 13:00 cando comecen os primeiros encontros ata o domingo ás 18:00, hora para a que está programa a entrega de trofeos.

Redacción Salnés