350 escolares presentan os seus traballos sobre compostaxe

Pontevedra>  O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu hoxe o segundo Congreso de Educación Ambiental, ó abeiro do Plan Revitaliza.  Máis de 350 nenos asistiron a unha xornada onde centros de ensino de primaria e secundaria expuxeron os seus proxectos relacionados coa compostaxe.

O Congreso de Educación Ambiental sobre compostaxe para centros de ensino reuniu hoxe a máis de 350 nenos e nenas que presentaron os traballos elaborados ó longo do ano en relación co compost. O presidente do Centro de Educación e Investigación Ambiental de Galicia, entidade organizadora do evento, subliñou a difusión da compostaxe entre os cativos como un dos feitos máis relevantes do Plan Revitaliza, xa que supón actuar para o presente e o futuro.

A presidenta da deputación tamén destacou a necesidade de comprometerse co Medio Ambiente, sobre todo dende os centros educativos.

O alcalde de Pontevedra animou ós rapaces e rapazas a que sigan contribuíndo na protección do planeta.

Este congreso supón o peche das actividades realizadas ó longo do ano en centros escolares polo CEIDA, nas que participaron máis de 10.500 escolares.