PONTEVEDRA> O tempo podería afectar ao Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia. A baixa temperatura da auga que se espera para mañá pode reducir á metade os 3.000 metros de natación. Un cambio que, de producirse, prexudicaría aos deportistas pontevedreses. Javier Gómez Noya, Pablo Dapena e Saleta Castro criticaron esta mañá a decisión.
A gran festa do deporte conclúe mañá cunha das probas máis esperadas. O Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia poñerá o broche de ouro ao Multisport con tres pontevedreses como claros favoritos. Javier Gómez Noya, Pablo Dapena e Saleta Castro están desexando competir na súa casa.
Os pontevedreses chegan en bo estado de forma a esta proba aínda que ningún se arrisca a dicir quen é o favorito.
Algo que podería afectar aos deportistas é a baixa temperatura da auga. De cumprirse as previsións, o río Lérez contará mañá cunha temperatura por debaixo dos 15 grados, algo que obrigaría á organización a reducir á metade os 3.000 metros de natación.
O campionato do mundo de tríatlon de longa distancia comezará mañá ás 8.00 horas. Os pontevedreses sairán a gañar, a pasalo ben e, sobre todo, a facer desfrutar a todos os que se acerquen a ver un dos maiores espectáculos deportivos da cidade.