POIO> A Xunta de Galicia actuará nos xacementos da Illa de Tambo, no concello de Poio. Foi o anuncio que realizou hoxe o Conselleiro de Cultura na súa primeira visita oficial á illa. A intención é que a intervención poida estar en marcha o ano que vén, continuando o labor que se iniciou coas tarefas de limpeza dos restos de Tambo. E que de feito revelaron achados que apuntan á posible existencia dun castro na parte alta da illa. Para a seguinte fase, a Xunta contempla un orzamento de 50.000 euros.
Dous anos e medio despois de que o Ministerio de Defensa cedera a súa titularidade ao concello de Poio, a Illa de Tambo aínda agocha segredos por descubrir. Uns interrogantes aos que se quere buscar resposta, de aí que a Xunta teña previsto actuar nos seus xacementos no 2025.
López Campos visitou esta mañá o terreo acompañado do alcalde de Poio e de membros da Asociación Irmandade Illa de Tambo. Tamén participou no percorrido unha das arqueólogas que participou nas intervencións que xa se realizaron na illa.
Os achados localizados ata o de agora mesmo apuntan á existencia dun castro na parte alta da illa que podería ser da Idade de Ferro. Cuestións por confirmar pero que son un exemplo da riqueza patrimonial que aínda se agocha en Tambo.
Segundo os plans da Xunta, a intención é licitar a intervención este mesmo ano para poder comezar os traballos no 2025. Contarán cun orzamento de 50.000 euros.
O Conselleiro de Cultura encadrou esta intervención no compromiso da Xunta coa conservación e protección dos bens culturais.