Os efectivos contra incendios coordínanse de cara a campaña de verán

Pontevedra> Esta mañá reuníronse na delegación da Xunta en Pontevedra membros dos distintos organismos que participan na prevención e extinción de incendios. A xornada tivo como obxectivo a coordinación dos diferentes efectivos de cara ó inicio da campaña de verán, que está a piques de comezar.

A reunión de hoxe en Pontevedra dos distintos efectivos que participan na prevención e extinción de incendios foi o foro para a coordinación e posta en común das experiencias dos distintos corpos que colaboran na loita contra o lume. O obxectivo é, segundo o vicepresidente da Xunta, estar preparados para afrontar a tempada de incendios.

Ante o remate, este xoves, do prazo para a limpeza das franxas de seguridade forestal, Rueda considera que os traballos están moi avanzados.

As xornadas de coordinación previas ó arrinque da campaña de  verán, que se celebrarán en tódalas provincias, culminarán en xuño cunha reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia, CIPIG, á que acudirán tamén representantes do Ministerio do Interior, do Exército e das forzas e corpos de seguridade do Estado.