Irán-Holanda-O Salnés: a posible ruta da heroína incautada na área de servizo de Sanxenxo

PONTEVEDRA> 30 quilos de heroína localizados na área de servizo da autovía do Salnés. É o alixo que esta mesma semana interceptou a Policía Nacional nun camión cun espazo especialmente habilitado para agochar a droga. O operativo desenvolveuse na madrugada do xoves, bautizado como Operación Babá. No seu marco foi detido o condutor do vehículo, de nacionalidade croata. Crése que a heroína procede de Irán.

Irán – Holanda – Sanxenxo. Esta é a ruta que, segundo cre a Policía Nacional, puido seguir a heroína interceptada na madrugada do 19 de outubro na área de servizo da autovía do Salnés.

Nesta operación bautizada como Babá, os axentes incautáronse de 30 quilos de heroína. A droga atopábase no interior dun camión, nun habitáculo especialmente deseñado para agochala.

A policía apunta que non é a primeira vez que o vehículo, de matrícula eslovena, está en España. Polo que sospeitan que puido participar noutros alixos.

En canto a cal sería o destino, dende a Policía Nacional apuntan que Pontevedra é vía de entrada para a droga. Destacan, tamén, unha importante repunta no consumo de heroína.

E iso a pesares do elevado prezo que, segundo os axentes, está a acadar no mercado a heroína. Actualmente podería roldar os 25.000 e 27.000 euros o kilo.

No marco deste operativo, que continúa aberto, a Policía detivo ao condutor do camión, de nacionalidade croata. Hoxe prestou declaración no xulgado número 2 de Cambados, que decidiu o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Está investigado por un delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico que causa grave dano á saúde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí