O GALP Fisterra-Ría de Muros-Noia presenta un programa educativo dirixido a escolares

NOIA> A finalidade do proxecto, que está en fase de arranque, é conseguir a implicación dos rapaces no desenvolvemento do territorio, atendendo a tres grandes temáticas: o medio mariño e costeiro, o medio ambiente e a paisaxe, e a atención á diversidade e a inclusión social. A idea do programa presentado esta mañá en Noia nace a raíz das mesas de participación levadas a cabo o pasado ano no proceso do pacto local do polo territorio costeiro sostible que está levando a cabo o GALP Fisterra-Ría de Muros-Noia, artellado en tres grandes eixos, como son  o medio mariño e costeiro, o medio ambiente e a paisaxe, e a atención á diversidade e a inclusión social, ós que se suman tamén como temas transversais o crecemento económico e o turismo. O programa educativo xa lle foi presentado á totalidade dos centros educativos destas dúas comarcas, tanto a de Fisterra como a de Muros-Noia, para poñelo en marcha xa de cara ó vindeiro curso escolar. No proxecto, que desenvolverá a empresa Arenaria, con gran experiencia neste tipo de experiencias, colaboran tamén a totalidade dos concellos, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, a Fundación Cetmar ou a Asociación de Oceanógrafos de Galicia.