PONTEVEDRA> Este domingo, os galegos están chamados a manifestarse para denunciar a situación actual da Atención Primaria. A convocatoria da Plataforma SOS Sanidade Pública, apoiada por BNG e PSOE, foi criticada unha vez máis polo conselleiro de Sanidade. Julio García Comesaña acusa ao colectivo e aos partidos da oposición de querer trasladar medo á poboación.
Este domingo, os galegos están convocados a mobilizarse en Santiago de Compostela para denunciar a situación da Atención Primaria. A Plataforma SOS Sanidade Pública está detrás desta convocatoria, que apoian BNG e PSOE.
O conselleiro de Sanidade volveu sinalar a falta de médicos de familia en toda España como o motivo das carencias que sofre a Atención Primaria. E asegurou que a Xunta leva tempo traballando para paliar esta situación.
Entre estas medidas para afrontar a falta de médicos está, segundo García Comesaña, a última proposta da Xunta: crear unha bolsa de facultativos voluntarios para cubrir as vacantes nos Puntos de Atención Continuada.
A día de hoxe, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten falta de 16 médicos en Atención Primaria. Unha carencia que están axudando a paliar profesionais doutras áreas.