A delegada da Xunta supervisa en Lousame o CIM móbil que achega este servizo ó rural

LOUSAME> A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, comprobou esta mañá en Lousame o funcionamento da unidade móbil do Centro de Información á Muller que a Xunta puxo en marcha este ano. A proposta busca reforzar a sensibilización en materia de xénero e igualdade naqueles concellos rurais que non dispoñen deste servizo.

Acompañada do alcalde, Esteban Ares, e demais membros do equipo de goberno, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a unidade móbil dun dos Centros de Información á Muller que o Goberno Galego puxo en marcha ó longo deste ano. A finalidade deste recurso non é outra que achegar servizos de información, orientación e acompañamento en diferentes ámbitos relacionados coas mulleres naqueles concellos rurais que non dispoñen deste servizo.

Dende o Concello destacaron tamén a importancia de poder contar con este servizo.

O equipo do CIM móbil, composto por unha psicóloga e unha traballadora social, vén a reforzar a rede de CIM’s físicos existentes, que conta cun total de 29 espazos en toda a provincia da Coruña, dos que 4 se emprazan nas comarcas do Barbanza e Muros e Noia, concretamente nos municipios de Ribeira, Boiro, Outes, Muros e Noia que tamén conta con financiamento autonómico.