O goberno de Boiro aclara que a instalación dos depósitos do Corrillo será provisional

BOIRO> O goberno de Boiro decidiu convocar unha rolda de prensa para aclarar o que cualifican de intoxicación informativa por parte dalgúns grupos da oposición en relación á instalación dos depósitos de gas no casco urbano.  Gas Natural solicitou autorización para ubicalos nesta zona por considerala a máis indicada para o subministro mentres se realiza o cambio de propano a gas natural. Sería, polo tanto, unha instalación provisional durante cinco meses de dous depósitos de cinco metros cúbicos. O tenente alcalde critica a actitude da oposición posto que o goberno puxo á súa disposición toda a información relativa ó proxecto da que dispón. Consideran que as críticas dalgúns grupos tan só teñen por obxectivo manipular a opinión pública con afán electoralista. Aclaran ademais que o cambio de propano a gas natural será moi beneficioso posto que reduce as emisións contaminantes e non suporá custo adicional para os veciños. Neste sentido, lembran que xa se ten acometido noutros municipios sen maiores incidencias.