Cambados aposta pola vela tradicional na terceira escola de verán

CAMBADOS> A vela tradicional volve a Cambados polo verán. O concello únese un verán máis coas Asociacións de Vela do municipio para dar forma á escola deste deporte. Durante un mes, corenta alumnos maiores de 13 anos iniciaranse nesta modalidade de navegación.

O concello de Cambados volve buscar a colaboración das asociacións de vela do municipio para dar forma á escola de verán de vela tradicional. Será a terceira edición desta iniciativa que, segundo o edil de deportes, se axusta á filosofía do goberno municipal.

A escola realizarase en dúas quendas. A primeira, do 17 ao 28 de xullo, mentres que a segunda será entre o 31 de xullo e o 11 de agosto. Contará con 40 prazas, e diríxese a maiores de 13 anos.

De cara ao vindeiro ano, os organizadores non descartan ampliar a formación que ofrecen para dirixila ao público máis cativo. Habilitando unha zona preto de terra para que eles tamén poidan iniciarse na vela tradicional.

As inscricións poden realizarse no concello de Cambados, e teñen un custo de 70 euros.