O Deportivo da Coruña organizará un campus en Rianxo este verán

RIANXO> A actividade, que se desenvolverá do 27 ó 31 de xullo, é posible grazas á colaboración do Unión de Asados e o propio concello rianxeiro. Esta mañá presentábase no concello de Rianxo a primeira edición do campus de fútbol Deportivo da Coruña que se desenvolverá na localidade do 27 ó 31 de xullo. Trátase da primeira vez que o club herculino desenvolva unha actividade destas características na comarca. Estará dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos, e celebrarase no Campo Municipal de Vilas. Durante os cinco días nos que se prolongará este campus, os técnicos do Deportivo encargaranse de facilitarlle ós rapaces participantes a aprendizaxe de distintos conceptos tanto a nivel individual coma colectivo. A iniciativa é posible grazas á colaboración do concello rianxeiro e o Club Unión de Asados, que dende un primeiro momento viron con bos ollos a posibilidade de poder acoller un campus destas características. O número de prazas dispoñibles neste campus será de 80, cun prezo de cen euros por participante, aínda que a organización estableceu descontos de ata un 20% en función de se o rapaz pertence á disciplina do CD Unión, se son nados no concello, para familias en paro ou para máis dun fillo inscrito. O prazo de inscrición xa está aberto. Para máis información os interesados poden dirixirse ás oficinas do Departamento de Deportes ou ben a través do propio Club Deportivo Unión.